Patrimonio industrial: Azucreira de Portas (Portas, Pontevedra)

Un dos símbolos máis visibles do concello de Portas, é unha edificación de comezos do s. XX construída por unha empresa alemá para a elaboración de azucre de remolacha. Describe un perfil inequívoco cuxo sinal de identidade mais salientable é a cheminea.
No ano 1898 España perdía as súas últimas colonias en Ultramar, entre elas Cuba e Porto Rico, que se encargaban de abastecer de azucre a todo o país, motivo polo que barallouse que a produción de azucre de remolacha podía ser unha grande oportunidade de negocio. En febreiro de 1899 constitúese a “Sociedade azucreira galega” na provincia da Coruña, promotora da devandita factoría en Portas.
A maquinaria tróuxose directamente dende Alemaña, construíndose para o seu transporte un ramal de ferrocarril que chegaba ata a propia fábrica. Iniciouse unha campaña propagandística para estender o cultivo da planta; gratificábase ós que se comprometesen a plantala e subministrábanselles as sementes e os abonos minerais necesarios; pero os labregos amosábanse receosos debido á crenza de que queimaba os terreos. A fábrica comezou a ter serias dificultades de subsistencia, non só polo desinterese dos labregos senón porque tamén se abriron tal cantidade de empresas por toda España que o mercado non daba abasto. No ano 1904 péchase definitivamente.
A día de hoxe é propiedade municipal e está sendo rehabilitada para diversas funcións. A cheminea estase preparando como miradoiro. Ó seu carón está o Parque da Azucreira onde teñen lugar diversos actos entre os que sobresae a Festa gastronómica do Galo de Curral.   

            
                      Foto: Darredor                     


Darredor."Guia esencial do Territorio dos vales do Ulla e Umia". Edita ADR Ulla-Umia
 Darredor."Paneis interpretativos do Territorio dos Vales do Ulla e Umia" Edita ADR Ulla-Umia

No hay comentarios: