Os ríos son expropiados, coma auga de ninguén. Pobos enteiros engulidos polos encoros, coma o de Portomarín e outros devastados por accidente, o de Ribadelago, en Zamora, o día 9 de xaneiro de 1959 rompeuse a presa de Vega de Tera e levouse todo e a case todos por diante.
Foto: Darredor
Pontes somerxidas, casas baldeiras. Pedras numeradas de igrexas e pazos trasladados ás alturas, barracóns de madeira onde casan namorados e bautizan nenos. Aqueles señores (non tan vellos) de Portomarín cóntannos que eles casáronse e bautizaron os nenos nun barracón de madeira, construído á beira do río, mentres trasladaban a vella igrexa románica, a salvo da auga.
Foto: Darredor
No curso medio e baixo do Miño, non tiveron esa sorte as pesqueiras que alí estaban, no medio do río, quedaron asolagadas pola construción do Encoro de Belesar. Fóra do río perden a súa razón de ser e alí quedaron e aínda están.
Os coñecidos “Caneiros de Portomarín”, agora que o río baixou, volvemos a velos e seguen case intactos. Non se acabou a pesca das anguías para os de Portomarín. Neste case ano que van a estar ó aire, mentres estea en obras o encoro, quizáis os pecadores poidan recuperar aquel costume, aínda que despois as devolvan ó río sen facerlles dano xa que escasean.
Mellor é adicarse á troita; os troiteiros gábanse das súas capturas, danse ben este ano. Paséanse polos socalcos, aproximándose á beira da auga.
Foto: Darredor
As pesqueiras están situadas en lugares estratéxicos, preto de correntes e remuíños naturais; ou, se non os hai, fanse artificialmente. Nas bocas abertas a un lado e outro da pía, desenvólvense os muros en perpiaño, debuxando un V en cuxo vértice atópase unha plataforma denominada pía sobre a que, en ocasións, levántase unha sinxela cabana para gardar as ferramentas ou montar garda durante esas noites de Lúa nova, a escuras, que seica din que son as mellores para pescar a anguía.
Foto: Darredor
No hay comentarios:
Publicar un comentario