Cores de inverno (1): Serra do Courel, Lagoa da Lucenza

Visitar a Serra do Courel en inverno é unha boa opción. Este lugar recibe gran cantidade de foráneos no outono, agasallanos á vista os bosques que amosan unha fermosa gradación de cores, ós estómagos as castañas recen saídas dos ourizos, porén chegaron os fríos días de inverno, a terra descansa, vense as hortas cun par de repolos, verzas e boa  herba para os animais, que  abúrrense na corte.

  Foto: O sherpa
Os cazadores corren monte arriba e abaixo a procura de xabarís, este ano foron 200 pezas, agora ben gardados nos arcóns conxeladores, coméntannos que vaille ben, estar un mes no frío, para quitarlle o bravío do monte, que fai a diferenza con aquel porco criado no cortello. O mesmo señor, do pobo de Moreda, dinos, que vén de rematar a tempada de caza e que 200 máis que terían que ter collido, porque cada día faise máis difícil convivir con eles, viven moi preto das aldeas e fozan todo, no tempo no que había lobos  non pasaba, mantíñannos a raia. 

   Foto: O sherpa

Tamén nos din que dende  Ancares entran os rebecos que mataron mais dunha ovella; non as comen, porque son tan herbívoros como elas, pero máis bravos e cuns bos cornos. Tamén viuse un oso, houbo algún que ata lle sacou unha foto e que tomando uns vasos no pobo non lle crían que tal cousa vira.
As cores verdes, amarelas e vermellas do outono tornáronse de cor castaña.  Vemos de lonxe na ladeira, as pólas das arbores núas, todas xuntas fan unha mancha gris, polo medio o negro da lousa e o acastañado das follas, coloreando o chan.

 Foto: Darredor

A paisaxe ateigada  de follas caídas dos castiñeiros, carballos, faias e sobreiras, no entanto observamos como permanecen perennes aquelas das aciñeiras e acivros. O terreo está seco, vai sol,  hai neve a un lado e outro do camiño e por treitos tamén debaixo dos nosos pés, alguén protesta polo medo a esvarar, as botas non lle agarran, teñen o piso un pouco gastado, liso de máis.
Alto do Couto, ben formado, pasos para salvar os regatos, pedras con carriza que fan un asento mol. Pouco a pouco, chegamos ás Fontes do Cervo, estamos na Devesa da Rogueira, na vertente norte do Monte Formigueiros, o máis alto da Serra con 1643 m.
Dous mananciais, un pegado ao outro, dúas augas unha ferruxinosa e outra calcaria, vermella e abrancazada, unha ten ferro a outra de calcio. Ambas as dúas, coa propiedade de facer recuperar o apetito, dan por chamala tamén a Fonte da Fame. Hoxe obséquianos cuns fermosos carambelos de xeo. Enchemos a botella na de ferro, sabe a terra, pero bébese ben, hai que abrir boca, para en chegando á Lagoa da Lucenza darlle ao bocadillo e ao chocolate.

 Foto: Darredor

Sobresae O Formigueiros, unha lomba suave e redondeada, seguimos subindo, un pouco máis e veremos cara abaixo a Lagoa glaciar de Lucenza. Vales, morrenas, lagoas,  restos dalgunha glaciación. Xa a vemos, debuxa case unha circunferencia perfecta, está branca, de seguro que con xeo. Ao seu redor todo seco, alí nesa herba seca do inverno sentarémonos a comer  e pode terzarse unha sesta. 

  Foto: O sherpa
Unha capa de xeo cobre toda superficie, menos as beiras soleadas, houbo quen se puxo a camiñar por enriba... Quen os vería se rompese!, molladiños correndo polo camiño, estrañando o quente do bungalow do camping de Esperante. Comemos, descansamos e marchamos.

Fotos: O sherpa

Unha cervexa, unha ducha e a cear sopa de cocido, uns troitas e outros xabaril con castañas, queixo do Cebreiro con mel ou marmelo, non había a torta de castañas, pero había unha de queixo enfornada, case rematou o día, non pode fatar o licor café.

No hay comentarios: